domingo, 29 de marzo de 2015

A lombriga aconselladora


A lombriga aconselladora (vulgarmente denominada "conciencia") é un animal moi parecido á típica lombriga terrestre, pero cunha exhibición de cores espléndida, pois comprende tanto cores escuras, coma cores pasteis. A devandita lombriga posúe diferentes órganos (ver imaxe).

Este parasito habita nos oídos dos seres humanos, pero é indetectable polo seu minúsculo tamaño (só pode ser observado a través do potente microscopio Omega X1). 
A lombriga aliméntase do cerume do seu hóspede. Ela, a cambio, dálle consellos ao individuo que a alberga. O seu modus operandi consiste en detectar os problemas que ten quen o leva mediante os receptores de "Zulemio" e bisbarlle os consellos que precise (que adoitan ser usados na maioría dos casos para resolver desavinzas).
As persoas que posúen este verme teñen máis capacidade para actuaren como mediadoras nos conflitos .

María (2º ESO)

A postal de Laura D.


O noso "agasallo" e o "agasalho" portugués son falsos amigos

xoves, 26 de marzo de 2015

A postal de Joan

O polbo-cometa ou estrela de oito puntas

A postal de Yarom

A Santiago, 130 km. Pois non che é a carreiriña dun can...

A postal de Sara


Un brinde polo Aninovo e outro por Sara!

A postal de Dani

Boneco precavido, vale por dous. Chapeu e paraugas

A postal de Julio

Un novo híbrido: o reno-vieira

A postal de Moncho

 Tanta teima en subir polas escadas, que ao final...

A postal de Mara

Ás veces hai que revirar as cousas para que soen ben
REPENICA!

A postal de Ximena

Papá Noel con estrés

A postal de Cintia

Pequerrecha e traballando en 3D

A postal de Laura P.

Monarquía ecoloxista

A postal de Lorena

Pasiño a pasiño, faise o camiño... (nunca mellor dito)

A postal de Fátima


E... "Morra a marta, morra farta!"

A postal de Daniela

Unha meniña cos pés na terra

A postal de Hugo


O que ben sementa, ben colleita

A postal de Álex

Dende as pallozas de Piornedo, desexamos un Nadal moi ledo

A postal de Yago


Esta é a versión de Yago do clásico carpe diem

A postal de Nico

Disque o tempo está tolo, e debe de ser certo, porque parecía primavera e nós volvemos ao Nadal... Nunca é tarde, se a dita é boa!
Iniciamos esta nova sección, adicada á arte, grazas aos envíos do alumnado de 2º de Primaria. 
Bo traballo, rapaciñ@s!

Sarabia

Sarabia nos capós dos coches
con medo a rompelos.
Pobre do que conduza un Ford Fiesta
e un Mercedes.

Sarabia curto, sarabia denso,
sarabia moito, con moito sonido;
hai coches estragados nas vilas,
cidades e aldeas.

Sarabia tranquila, chea
de auga por dentro.
Xa se ven as persoas correndo
para meter os coches nos garaxes.

Ceo negro, monte branco,
berrando as persoas polos coches;
un señor deu metido o coche no garaxe,
pero a sarabia deixárao estragado.

O cristal sobre os asentos dianteiros,
cos faros e as luces
todos caídos no piso.

Manuel (1º ESO)

Urbanooooooooo!!!

Moncho e Mateo (Primaria e Infantil)
Escoita os pícaros; case sempre saben o que din

mércores, 25 de marzo de 2015

Cando menos é máis

Hai outra forma de facer poemas pequeniños, apoiándonos nos obxectos cotiáns para suxerir ideas e inspirar sentimentos. Algúns chámanlles poemografías; outros, poemas visuais...
Anímaste a intentalo?


No seguinte enlace, podes ver máis exemplos:

luns, 23 de marzo de 2015

Aaahh!!!


Gabriel (4º ESO)

Talvez por culpa dos recortes, algúns lugares de San Xulián de Mourelos perderon o artigo. 
Podes consultar aquí o nomenclátor para coñeceres o nome de todas as aldeas desta parroquia do Saviñao.

domingo, 22 de marzo de 2015

A razón...


Laura M., Fátima, Ángela, Estefanía, Quim e Carla

PuntoGalego non se responsabiliza das condutas contrarias ás normas de regulamento do tráfico perpetradas polas actrices e os actores dos vídeos emitidos neste medio de comunicación.

Nunca choveu...


Quim, Ángela, Estefanía, Laura M., Fátima e Carla

Na actualidade, o protagonista desta gravación recupérase favorablemente da molladura nunha clínica-balneario.

Somos galegos...


Quim, Laura M., Ángela, Estefanía e Fátima (4º ESO)


PuntoGalego recoméndalles aos peóns non colocárense se no medio dos cruzamentos para a realización de ningún tipo de actividade escolar ou extraescolar.

O Encarapuchado

Descrición física
É un ser mutante cunha carapucha rota. Ten uns cornos protuberantes que lle saen polas orellas. As partes da cara non se distinguen moi ben, pero véselle un só ollo e mais dous cairos de vampiro. Non ten man dereita e na esquerda ten tres dedos. Nun deles ten unha uña moi grande coa que mata os seus inimigos. A súa pel é de cor azul. Na parte inferior do corpo ten unha cola en forma de lanza. Leva os pés descalzos e ten tres dedos en cada pé. Viste un traxe de campesiño moi desgastado.

Orixe
Antes era un labrego do Tibet. O rei do seu poboado trataba mal a xente. Un día, o rei quitoulle a casa e despois, conxelouse mentres durmía. Conseguíu liberarse polos pelos, pero perdeu unha man intentando saír. Emigrou ata Galicia e polo camiño entrou nunha fábrica de cosmética abandonada. Caeu nunha cuba de residuos radiactivos e por iso mutou. O seu deber é defender os galegos dos malfeitores para que non sufran como sufriu el.

Carácter
Ten un carácter defensivo e vingativo. Cando o enfadan, sacia a súa sede de sangue asasinando os que o incomodaron.

Lugar onde vive
Vive nunha cova na cima do Piapaxaro, desde a que pode observar toda a provincia de Lugo. O clima é parecido ao do Tibet e por iso vive alí.

Habilidades e poderes
É moi veloz, fai parkour, paraliza coa mirada e a súa unlla máis longa corta coma un coitelo.

David e Daniel (1ºESO)

Igualdade na sociedade: unha reflexión feminista



Na actualidade, a situación da muller mellorou considerablemente; somos tratadas máis xustamente pola sociedade. Non obstante, segue sen haber un trato igualitario entre homes e mulleres. Aínda que melloramos moito os nosos hábitos sexistas e machistas, eses tópicos que nos perseguiron ao longo da historia seguen sendo moi usados entre a maioría da poboación. 

O peor de todo é que a maior parte das persoas teñen interiorizadas ideas machistas, e que aínda que buscan xustiza e igualdade acaban caendo, sen darse conta, en clixés inxustos e incluso ofensivos para a muller. Esa interiorización de ideas incorrectas vén de moi cedo. Dende a nosa máis tenra infancia incúlcannos valores que deixan a muller por debaixo do home. Podemos velos na publicidade, pero en moitos casos incluso o facemos na propia casa. Eses valores cos que nos criaron son moitas veces difíciles de rexeitar ou modificar a favor da igualdade, polo simple feito de que son ideas que consideramos correctas e que pensamos ferventemente que son xustas.

É moi difícil cambiar de opinión cando falamos deste tipo de hábitos, porque nos parecen normais, e para nós o habitual é correcto; para nós non está mal. Pero, se pensamos con lóxica, por que unha muller é inferior? Por que se considera máis débil? Quizais o problema resida en que consideramos que esa forza bruta na que por natureza o xénero masculino nos supera é o único que se debe valorar para falar da forza dunha persoa. Pero non, non é así. Debemos ter en conta outros tipos de forza: a forza intelectual ou a forza psicolóxica, por exemplo.

Debo dicir que por sorte, esoutras cualidades se valoran máis do que antigamente se facía; pero, en conclusión, quédanos un longo camiño.

Ángela (4ºESO)

mércores, 18 de marzo de 2015

O neno afortunado

Un día, nunha tardiña de verán, un neno estaba a traballar na horta da casa. Xa estaba no último rego e cos folgos acabados, cando levantou unha cenoria especial, que tiiña cinco cornos e un gran tamaño. Foi correndo a dicirllo á súa nai. Ao chegar á casa, a cenoria esvaroulle das mans e partíuselle un corno. 
Dese corno saíulle un xenio. Cando este se presentou, deulle as grazas por axudalo a saír da cenoria, porque levaba mil anos encerrado. O xenio díxolle que por cada corno que se rompese, podería pedir un desexo; e que, como xa rompera un, esgotábaselle o tempo para pedilo. O neno falouno coa nai e pediu o seguinte:
- Quero que o meu pai se poña ben.
Rompeu outro corno e dixo:
- Quero ter unha morea de cartos para sacar a miña familia da pobreza.
Xa só lle quedaban tres desexos, e díxolle o xenio: 
- Aprovéitaos ben.

Para o seu pracer, rompeu outro corno e pediulle unha noiva. Neste caso, como o rapaz só pensou en si mesmo, o xenio tróuxolle unha moza moi fea, e o neno enfadouse tanto que pediu un novo desexo: que a rapaza desaparecese.
Como o neno tivera tanta avaricia, o xenio decidiu convertelo en pedra. A nai foille suplicando ao xenio para que lle dese de novo a vida, pero este contestoulle que unha vez que se cumpría un desexo, era irreversible. A nai propúxolle un trato: 
- Xa que levas moitos anos encerrado e non tes un sitio onde vivir, podes quedar na nosa casa; pero, a cambio, terás que devolverlle a vida ao meu fillo.

O xenio aceptou e viviron todos xuntos na casa durante moito tempo. Cando os pais do neno morreron, a familia non desapareceu. O xenio viviu durante xeracións con ela, pero sen poder concederlle desexos. Tempo despois, a casa arruinouse e o xenio tivo que que abandonala. Decidiu viaxar el só polo mundo.

Víctor, Alejandro R., Iván e Álex (2ºESO)

Xente estraña

Había unha vez, neste planeta, un grupo de xente que aproveitaba as cousas que os demais non utilizaban. Eles tiñan unhas cabezas capaces de inventar obxectos para darlles moitas utilidades.
Entre eles, naceu un neno; e cando o ían bautizar, para non mollarlle a cara, inventaron un utensilio: colleron unha saia de plástico dunha boneca e axustáronlla á cabeza, de maneita que, ao caerlle a auga, non lle fose para a cara.

O neno, ao longo do tempo, vía como os seus pais inventaban cousas incribles que logo eran utilizadas por outras persoas. Os mellores inventos chegaron a venderse nos grandes mercados.
Cando o pequeno Lewandowski fixo os cinco anos, seus pais, Ana e Aubemayans, cumpríronlle o desexo de deseñar o seu propio invento, xa que na súa seita non se podía inventar nada ata os dezaoito anos.
A Lewandowski levoulle quince días e quince e noites rematar o seu pequeno invento. Tras dúas semanas de traballo, saíu da sala de inventos co que argallara. Dirixiuse á súa casa, para amosarllo aos seus pais; e, ao chegar, ensinoulles o boneco dun superheore que tiña a capacidade de multiplicarse infinitas veces durante certo tempo, co fin de axudar aos da súa seita, facer os labores e así, ademais, aumentar o número de persoas daquel lugar.

O robot, co paso do tempo, empezou a esgotarse, ata que chegou un momento no que caeu de cu, sen forzas. Todos os da seita acudiron para saber por que parara. O robot, ao ver que xa estaban gordos de non traballar, impúxoselles e díxolles: -Eu non podo facelo todo!!! E abandonou a seita.

El non sabía que era un perigo potencial en malas mans, e xustamente, foi caer nunha trampa que lle tenderon os das fábricas para intentar raptalo, sabendo que téndoo a el poderían despedir os traballadores e facerse ricos.
O pobre robot traballou e traballou ata que, cinco anos máis tarde, morreu; deixándolles unhas ganancias inimaxinables ás fábricas e obrigado a traizoar os da súa seita.

Simón, Álvaro, Cristina e Ruth

O convento maldito

Había unha vez cinco monxas que vivían no convento de Maceda:
A monxa máis nova tiña trinta e dous anos, chamábase Andrea López Guzmán e dedicábase a facer pulseiras para vendelas na feira.
A segunda máis nova tiña trinta e cinco anos, chamábase Marta Carrasco Cancelas e dedicábase a facer xabón artesán no soto do convento.
A terceira máis nova chamábase Carla Arca Mariño, tiña trinta e oito anos e dedicábase a facer tortas na cociña do convento.
A cuarta máis nova era Luísa Castro Casanova, de corenta e dous anos; e dedicábase a atender a horta do convento.
A maior era Cristina Salgado Caravel, de cincuenta e sete anos; e dedicábase a limpar o convento.

O día 8 de xaneiro celebrouse a festa de Maceda. Cando as cinco monxas viñan da farmacia de comprar medicamentos, sobre as sete da tarde, viron arder o convento. Entraron as cinco e tentaron apagar o lume, pero por culpa do fume intoxicáronse e morreron todas. Horas despois, viñeron os bombeiros e apagaron o lume. Atoparon alí os cinco cadáveres calcinados. Veu a policía e investigou por que ardera o convento. Descubriuse que fora por culpa dun foguete que tiraran na festa de Maceda.

Dous anos máis tarde do fatal incendio, tres curas reconstruíron o convento grazas a unha subvención da Xunta de Galicia. Cando estaba rematado, habitárono os tres curas:
O cura máis novo era don Pepe, de sesenta e un anos.
O segundo máis novo era don Diego, de sesenta e tres anos.
O cura máis vello era don David, de setenta e tres anos.
Os curas daban a misa todos os domingos ás dez da mañá na igrexa do convento.

O día 9 de outubro morreu don Pepe, aos sesenta e un anos, por culpa dun derrame cerebral. Anos despois morreron os dous curas que quedaban, por culpa dun accidente de estrada, cerca de Cospeito. O convento quedou deshabitado para sempre porque a xente tiña medo de que fose un convento encantado. Co paso do tempo, o convento foi caendo pouco a pouco e trinta e dous anos despois só quedaban algunhas paredes.

Diego e Anthony (2ºESO)

Vaquenlla


A vaquenlla é un animal grande. Ten moitas manchas de cor negra polo corpo. A súa cabeza é de boi e o seu corpo, de quenlla. Mide 5 m e pesa 10.000 kg. É un animal vivíparo que non acostuma separarse da súa familia.

As vaquenllas viven no océano Atlántico, en augas moi frías, preto dos icebergs. Aliméntanse de coral e de peixes como o salmón, que pescan en manda. Ás veces saen á superficie.

Viven uns setenta anos, se non padecen ningunha enfermidade. Para reproducírense, sepáranse da manda coa súa parella durante uns meses e achéganse a un iceberg. Teñen, aproximadamente, trinta fillos.
O seu carácter é forte e teñen moito xenio. Adoitan ser moi malas e enfurecerse facilmente.

Nunha ocasión, unha manda destes animais ía polos mares de Escocia e atopouse co Titanic. Seis dos meirandes atacaron o barco e fixéronlle seis fendas que o afundiron. No momento no que os pasaxeiros caeron á auga, escornáronos e matáronos.


Kevin e Alicia (1º ESO)

martes, 17 de marzo de 2015

En min

Tarde te encontrei
cando o universo foi todo meu.
Cando buscaba un porqué,
tarde te encontrei.
Eu xa te busquei
no final dos océanos e prados.
Cando por fin te encontrei,
eu xa te esquecera.

Eu xa te esquecera
cando todo o que quedaba era escuro.
Cando tu buscabas outro amor,
eu xa te esquecera.

Nunca,
dende enriba do ceo,
tu me buscabas.

                             Noemi e Paula (3ºESO)

A adiviña de Marta (1)


Pista:
Algunhas veces
pola devesa aparece,
éche moi branquiña
e está ben fresquiña.

A adiviña de Marta (2)


Pista:
Moito camiña
coas oito patiñas;
pendura dun fío
e non cruza o río.

Os meus soños de nubes

O ceo é de nubes.
De nubes son os soños
e os sentimentos.
De nubes o mar
e as follas.
O fogar,
a noite,
o día,
o amor,
son de nubes.
Os ríos galegos
que lonxe marchan,
de nubes tamén
estan feitos.

I eu, mirando
coma unha parva
para as nubes.



Ángela e Iria (3ºESO)

Esquío



Esquío, esquío,
esquío interno,
escóndeste do frío
cando chega o inverno.

Escóndete, escóndete, esquío;
escondido, temoroso, mira
como un poderoso río
vai desembocar conxelado á ría.

Levas un plumeiro moi feito,
perfume de orballo fresco,
dormes sobre o teu teito,
andas co teu rabo mesto.

Escóndete, escóndete, esquío,
o meu carballo seco. 

Brais (1º ESO)

O meu amor por ti


Cando estou contigo párase o tempo,
cada minuto e segundo conta,
o reloxo máis sinxelo,
párase por ti en cada volta.

Os teus ollos brillan coma estrelas,
e fas que o tempo valla tanto coma elas,
o teu sorriso é fermoso
e os teus dentes son coma perlas.

O meu amor por ti
é algo irracional,
ti fas que todos os días,
cante o meu doce cantar.


Álex & Brais (1ºESO)

Neva





Neva no tellado das casas,
inundado nun gran silencio.
O fácil que se derrete a neve,
no tellado máis recio.

Neva alto, neva espeso,
neva a rebentar, sen destino;
montañas de neve a rebordar
no alto de todos os pinos.

Neve revolta, rebordante,
das montañas, vaise das montañas...
Xa non se ven os portais,
nin as teas das arañas.

Nubes brancas, traen neve,
silencio dos amantes;
unha folerpa cae lenta
brilla tanto coma o diamante.

Na ventá quedouse unha,
unha folerpa moi branca,
ti ves nevar e pensas
na bendita neve santa. 

Brais (1º ESO)

Serepía

Aspecto
É unha muller de pelo acibeche e ollos celestes. Ten busto feminino e loce un suxeitador de cunchas. Ten ás de aguia de cor azul cunha envergadura de 2 m, e cola de serea azul en vez de pernas. Leva un colar de perlas e flores.

Carácter
O seu carácter é agradable e mantén relacións sexuais cos homes, aos que atrae coa súa beleza. Non lle gustan os homes casados, pero se algún lle resulta fisicamente atractivo, mátalle a muller cunha cantiga adormecedora.

Lugar onde vive
Mora nas fosas abisais, a 10.000 m de profundidade, e só sae nas noites de lúa nova.

Poderes
Pode cantar a un volume de ata 10 decibelios e aguantar a respiración na auga durante un tempo ilimitado. Pode voar ata os 500km de altura.

Brais e Manuel (1ºESO)

luns, 16 de marzo de 2015

Xeroglífico 0

Iniciamos unha nova sección: xeroglíficos. Aquí vai un exemplo que pode servir de inspiración para os vosos traballos. Escollede algún título da literatura galega e inventádelle o xeroglífico, despois creade a imaxe e enviádenola ao blog. Agardamos impacientes!


A historia de Kalou



SIMPLEMENTE, FAINO
Había unha vez un raparigo que vivía nunha cidade do Terceiro Mundo. O rapaz chamábase Kalou e viviá cos seus pais e o seu can Emaná nunha chabola. Kalou traballaba nunha fábrica de Nike. Aínda que era menor de idade, un grupo de homes escravizábao e obrigábao a traballar día tras día sen descanso. Kalou estaba moi delgado, porque non lle daban diñeiro suficiente para comprar comida.

Un día de 1999, pola mañá, cando ía traballar, encontrou unha carteira de coiro. Colleuna e abriuna. Levou unha sorpresa ao ver que estaba repleta de billetes. Kalou púxose moi contento e decidiu axudar a súa familia, que estaba na ruína. Tamén decidiu non traballar máis en Nike. Así que falou co xefe e díxollo. Ao xefe estrañoulle e preguntoulle por que. El contestoulle que agora tiña moito diñeiro; e foise. Antes de marchar, decidiu facer unha trasnada e mexou na parede da fábrica, acompañado do seu can Emaná. Marchou moi feliz pola rúa adiante para contarllo á familia.

Adrián e Sabela (2ºESO)

sábado, 14 de marzo de 2015

Dalia



O aspecto de Dalia é moi belo. Os seus ollos son de cor verde e o seu cabelo é longo e louro.

Vive nun río grande, onde o negro non existe. Todo está cuberto de flores: dalias e rosas. Vive rodeada de luxo.

Os seus poderes son namorar os homes e axudar os máis pobres. Coa súa voz, fai crecer as flores.

Cando se enfada, os ollos vólvenselle vermellos. Ás persoas que a miran aos ollos nese momento, convérteas en pedra.

Andreea e Idalia (1ºESO)

Os osos teñen ósos


Actrices: Antía e Sara

[PuntoGalego garante que ningún animal foi maltratado durante a gravación deste vídeo.]

A adiviña de Antía


Actriz: Antía

Pista: Case sempre veñen de dous en dous (e non se trata da parella da Garda Civil)

A adiviña de Antía e Sara


Actrices: Sara e Antía

Pistas: Comeza polo B e ten 3 sílabas

Os ovos de Nunca Xamais

Hai moito tempo, nunha cociña galega, habitaban dentro dun frigorífico marca LG (alerta por spam número 1) tres felices oviños, que se chamaban Moreniño, Minion e Clariña.

Mais un espantoso día ocorreu un tráxico suceso: estaban os ovos tan tranquilos cando, de repente, aparece unha man xigante que os colle aos tres. Estaban moi asustados, pois non sabían que lles ía pasar. De súpeto, a man xigante rompeu a casca de Moreniño e fritiuno. Como sabían que eles ían ser os seguintes, Minion e Clariña fuxiron de alí.

Xa fóra, encontráronse cunhas torradas aladas. Minion e Clariña contáronlles ás torradas o que lles acontecera e as torradas dixeron:
- Nós temos a solución: levarémosvos moi lonxe de aquí.
Os ovos subiron enriba das torradas, que comezaron a ascender. Cruzaron o ceo anubrado a atoparon unha illa. As torradas deixáronos no chan e fóronse voando.
Á súa vista, apareceu unha fada. Ela achegóuselles e dixo:
- Ola, ola! Eu son Campaíña, a fada máis coñecida de toda a illa de Nunca Xamais- díxolles con demasiado ego-. E vós, quen vides sendo?
- Eu son Minion e ela é Clariña. Viñemos ata aquí porque unhas torradas voadoras nos axudaron a escapar do noso fogar. Íannos fritir! Pódelo crer? É indignante!

Os ovos e Campaíña segurion laretando un bo anaco, pero logo entrou en escena Peter Pan, a quen, ao ver os ovos, lle entrou a fame; e perseguiunos por toda a illa. Estes non tiveron máis alternativa que pedirlle axuda ao capitán Garfo. Foron ao seu barco e falaron con el.
- Así que vós sodes eses ovos que o rapaz do demo persegue, ou non?- dixo o capitán.
- Nooon, se lle parece, somos dúas cobras bailando bachata- dixo, con evidente sarcasmo Clariña.
- Si, sodes- respondeu Garfo-. E para que viñestes?
- Viñemos para que, coa túa axuda, creemos un complot contra Peter Pan. Mira, vai ser así...
E os ovos explicáronlle o seu plan ao capitán.

Uns días máis tarde, o plan comezou. Os ovos atraeron o rapaz ata o barco. Unha vez alí, tentaron pillalo, pero non chegaron a collelo. Nun momento desesperado, a Clariña ocorréuselle unha idea. Colleu unha rede e tiroulla enriba a Peter Pan. Mentres este tentaba quitar a rede de encima, os do barco guindáronlle un canonazo con fogos de artificio e petardos. O ceo quedou para unha foto. Por desgraza, furáronlle ao mozo unha perna.

Finalmente, todos acabaron ben: Minion e Campaíña fixéronse mozos; o capitán Garfo e Clariña comezaron a saír, aínda que sempre lle rompía a casca co garfo, pero con apósitos do Mercadona (alerta spam número 2), soluciónase; Peter Pan comprou unha perna ortopédica e, por último, a man xigante comeu a Moreniño, que se reencarnou nunha feliz morsa.

Valeria, María, Tania e Ana (2ºESO)

venres, 13 de marzo de 2015